Unidade de Diagnóstico por Imaxe de Galaria, coñecemento de vangarda no congreso nacional da Sociedad Española de Radiología Médica 2022

Unidade de Diagnóstico por Imaxe de Galaria, coñecemento de vangarda no congreso nacional da Sociedad Española de Radiología Médica 2022

Avances e aplicacións en resonancia magnética clínica grazas a seis comunicacións do persoal do Sergas na cita médica máis importante de fala hispana, dúas delas premiadas polo comité científico do congreso

​​

O 36º Congreso Nacional da Sociedad Española de Radiología Médica (SERAM), primeiro postpandemia, reuniu en Málaga a máis de 2.500 especialistas para coñecer de primeira man as principais novidades no ámbito da radioloxía médica. A participación da Unidade de Diagnóstico por Imaxe da Empresa Pública de Servizos Sanitarios, Galaria, tivo un destacado papel con seis comunicacións presentadas e dúas delas, sobre lesións de próstata, premiadas polo comité científico.

 

O síndrome de Sturge-Weber, un síndrome neurocutáneo  cunha malformación capilar facial que pode asociar complicacións neurolóxicas e discapacidade intelectual; aportacións sobre a clasificación de Bosniak, esencial para avaliar lesións quísticas renais; novidades sobre coma facer estudos de resonancia magnética en neonatos sen anestesia; e dous estudos sobre  resonancia de próstata, lesións quísticas e cancro de próstata, foron os temas que centraron as comunicacións presentadas no congreso polo equipo de diagnóstico por imaxe de Galaria.

 

A responsable do servizo, a Dra. Mercedes Arias, salientou “o altísimo valor das comunicacións presentadas polos profesionais de Galaria, a importancia dos dous premios acadados no ámbito da RM de próstata, a mellor técnica dispoñible na actualidade para o diagnóstico non invasivo do cancro de próstata, así como a dimensión e transcendencia da cita para compartir coñecemento, establecer liñas de debate e achegarse ás últimas tendencias no ámbito da resonancia magnética clínica no noso contorno”. Realizado conxuntamente co Colegio Iberoamericano de Radiología, “o encontro é un foro de referencia para médicos e científicos de fala hispana”, sinalou.

 

Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde