O conselleiro de Sanidade, Julio
García Comesaña, a xerente de Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios,
S.A., Rocío Mosquera, e o director xeral do Hospital Clínic de Barcelona, Josep
María Campistol, asinaron un convenio de colaboración para impulsar o primeiro
ensaio clínico con medicamentos CAR-T de Galicia.
Grazas a este acordo, Sergas,
Galaria e Clínic traballarán xuntos nun ensaio clínico pioneiro en Galicia, que
se desenvolverá no Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS) e que ten
como obxectivo estenderse a outros centros asistenciais da comunidade. Tal e
como destacou García Comesaña na súa comparecencia, “hoxe sentamos as bases
para desenvolver o primeiro ensaio clínico dunha terapia CAR-T en Galicia para
tratar cancros oncohematolóxicos. Apostamos, polo tanto, por esta nova xeración
de fármacos de inmunoterapia avanzada no que significa un chanzo importante na
atención personalizada a estes pacientes”.
Esta terapia, na que o partner do
Sergas neste convenio é especialista, sérvese de medicamentos de alto impacto
clínico e asistencial que, nalgúns casos, acadan unha taxa de resposta do 80%,
e pode conseguir que o sistema inmune do paciente recupere, mediante técnicas
de modificación xenética, a capacidade de recoñecer e destruír de forma
selectiva as células tumorais. Neste senso, a propia American Society of Clinical Oncology recoñeceu o alto potencial
das terapias CAR-T como “avance do ano”.
Ao respecto, o director xeral do
Hospital Clínic de Barcelona, Josep María Campistol, gabou a aposta da Xunta
por avanzar nestes tratamentos innovadores e o desenvolvemento do futuro Centro
de Produción de Medicamentos CAR-T de
Galicia; relatando a súa experiencia en ensaios clínicos pioneiros na materia e
amosando o seu compromiso a traballar xuntos a partires deste convenio.
O conselleiro de Sanidade indicou
que, grazas a este convenio por catro anos, “damos un paso máis na nosa aposta
por situar a Galicia na vangarda da investigación e da produción de tratamentos avanzados; esforzos que
plasmaranse na posta en marcha do Centro de Produción de Medicamentos CAR-T”,
que segundo as súas previsións estará operativo ao longo do primeiro semestre
de 2022.
Ubicado en Santiago de Compostela
en virtude do acordo asinado coa Universidade de Santiago o pasado mes de maio,
contará tamén cunha Unidade de Investigación que levará a cabo proxectos que
permitan o impulso de novas terapias celulares, que serán elaboradas no centro
de fabricación e posteriormente aplicadas aos pacientes do sistema sanitario
público.