Unidade de Consultoría

A consultoría ofrece un servizo de asesoramento e asistencia, para axudar ás organizacións a resolver problemas, mellorar o seu rendemento ou desenvolver de xeito especializado determinadas actividades para as que non se conta con coñecemento interno. Os consultores, profesionais expertos nun campo específico, aportan unha perspectiva obxectiva e imparcial sobre os asuntos en estudo. Pola súa complexidade e diversidade, a actividade de consultoría sanitaria esixe un alto grado de coñecemento e actualización, especialmente no eido da tecnoloxía médica.

Sobre o servizo

O servizo de Consultoría xurdiu no ano 1997, vinculado coa visión pioneira do Servizo Galego de Saúde de planificar a inversión en activos tecnolóxicos de xeito estandarizado e conxunto para toda a comunidade autónoma. O Estudo de avaliación de servizos de Radioloxía Diagnóstica do Servizo Galego de Saúde e Plan de Inversión de equipamento en Imaxe foron os dous primeiros grandes proxectos dunha unidade que concentrou o coñecemento en xestión e organización sanitaria derivado da posta en marcha das distintas unidades da empresa e o de tecnoloxía da súa Unidade de Física Médica.

Dende entón ata hoxe, esta unidade especializouse en proxectos de avaliación, planificación, adquisición, organización e xestión de recursos asistenciais, abarcando un amplo rango proxectos, dende a redacción de pregos técnicos ao desenvolvemento dos plans de dotación completos de hospitais. O principal destinatario dos servizos da área de consultoría é o Servizo Galego de Saúde, constituíndo o asesoramento en adquisición de tecnoloxía o groso do labor desempeñado nos últimos anos. Nos últimos dez anos pouco a pouco foron gañando peso tamén os proxectos relacionados coa planificación estratéxica ou a compra pública de innovación mediante distintas fórmulas de contratación innovadora, coma a compra pública precomercial ou a asociación para a innovación.

2Consultoria.jpg 

Quen somos

O equipo do servizo está formado por un grupo multidisciplinar de profesionais con máis de 20 anos de sólida experiencia e especialización nas distintas tecnoloxías e equipamentos sanitarios, así coma en planificación, xestión e innovación sanitaria.

1Cosultoria.png
Que facemos

Prestamos servizos de consultoría en materia de avaliación, planificación, promoción, adquisición, organización, mantemento, formación, xestión, investigación, control de calidade e, en xeral, calquera materia relacionada co sector sanitario, especialmente no eido da alta tecnoloxía sanitaria.8.Asesoramiento.jpg

As principais liñas de actuación céntranse no ámbito da planificación, asesoría e xestión de tecnoloxías médicas:

  • Planificación centralizada de compra de recursos/novas tecnoloxías sanitarias de modalidades específicas. Desenvolvendo inventarios técnicos do equipamento instalado con información relativa ao estado funcional/tecnolóxico e estudos das principais tendencias tecnolóxicas. Considéranse diversos aspectos coma a organización funcional, niveis de actividade e dispoñibilidade de espazos, aspectos relativos a sostibilidade. Desenvólvense estándares baseados na situación real das tendencias do contorno e capacidades do equipamento instalado. Realízase a análise comparativa de alternativas tecnolóxicas existentes no mercado, tanto en aspectos técnicos como económicos conxuntamente coa actividade asistencial.
  • Plans de dotación e priorización de investimentos para centros de nova construción ou implantación/adecuación de centros existentes, incluíndo dentro do alcance de estudo o mobiliario clínico e xeral. Análise dos plans de necesidades desenvolvidos polos profesionais ou determinación de cantidades, calidades e especificidades técnicas do equipamento preciso, incluíndo o plan de sustitucións e renovacións.
  • Pregos técnicos para a licitación de adquisición de equipamento. Conciliando os requisitos funcionais e tecnolóxicos dos servizos asistenciais, a oferta existente no mercado e o marco normativo do proceso de contratación. Desenvolvendo no caso de ser requirido polo proxecto propostas de lotificación e criterios de valoración.
  • Desenvolvemento de informes técnicos de valoración de ofertas para procedementos de adquisición. Analizando as ofertas presentadas, segundo o proceso de compra e o seu marco normativo específico, dando resposta técnica aos requerimentos dos tribunais de recursos contractuais no seu caso.
  • Análise de contratos e pregos técnicos de licitación de servizos de mantemento.
  • Estudos de viabilidade de incorporación de tecnoloxías e deseño de posta en marcha de novos servizos. Adaptando a metodoloxía a cada caso específico, pero tendo en conta as necesidades asistenciais a resolver, o contexto tecnolóxico e grado de madurez da tecnoloxía. A redacción destes informes contempla, entre outros: análise das opcións tecnolóxicas, análise da demanda asistencial, análise de viabilidade económico-financeira, análise de posibles escenarios de xestión, deseño do servizo para implantar: catálogo de produtos e nivel de actividade, localización ideal, equipamento e instalacións, organización funcional, elaboración de calendario de desenvolvemento e determinación de puntos críticos do proxecto.
  • Soporte para o desenvolvemento de proxectos de compra publica de innovación. Este tipo de proxectos son desenvolvidos á medida do reto ao que debe dar resposta o proxecto e ao estado de maduración do mercado no eido a abordar. Como exemplo destas actividades podemos citar o soporte técnico na definición dos restos, no análise da resposta as consultas de mercado, a elaboración de especificacións funcionais, guías de avaliación para comités de expertos, a supervisión e control da execución dos proxectos, etc.
  • Planificación estratéxica. Realizando unha análise contextual específica, supervisión e coordinación de grupos de traballo, redacción de propostas de actuación, priorización e calendarización de actividades e soporte na implantación dos plans desenvolvidos.​
Onde estamos

Dirección:
Edificio administrativo do Servizo Galego de Saúde
Complexo Administrativo San Lázaro
Edificio número 4, andar 3ª
15707 Santiago de Compostela

Horario de funcionamento: 8:00 a 15:30

Teléfonos de contacto: 981 57 52 02

Contacto por correo electrónico: consultoria.galaria@sergas.gal

​​​​​​​​​​​​​​​​​​​​​​​​

Ó servizo da túa saúde

A nosa razón de ser