Avances e
aplicacións en resonancia magnética clínica grazas a seis comunicacións do
persoal do Sergas na cita médica máis importante de fala hispana, dúas delas
premiadas polo comité científico do congreso
O 36º Congreso Nacional da Sociedad Española de
Radiología Médica (SERAM), primeiro postpandemia, reuniu en Málaga a máis de
2.500 especialistas para coñecer de primeira man as principais novidades no
ámbito da radioloxía médica. A participación da Unidade de Diagnóstico por
Imaxe da Empresa Pública de Servizos Sanitarios, Galaria, tivo un destacado
papel con seis comunicacións presentadas e dúas delas, sobre lesións de
próstata, premiadas polo comité científico.
O síndrome de Sturge-Weber, un síndrome neurocutáneo cunha malformación capilar facial que pode
asociar complicacións neurolóxicas e discapacidade intelectual; aportacións
sobre a clasificación de Bosniak, esencial para avaliar lesións quísticas
renais; novidades sobre coma facer estudos de resonancia magnética en neonatos
sen anestesia; e dous estudos sobre
resonancia de próstata, lesións quísticas e cancro de próstata, foron os
temas que centraron as comunicacións presentadas no congreso polo equipo de
diagnóstico por imaxe de Galaria.
A responsable do servizo, a Dra. Mercedes Arias,
salientou “o altísimo valor das comunicacións presentadas polos profesionais de
Galaria, a importancia dos dous premios acadados no ámbito da RM de próstata, a
mellor técnica dispoñible na actualidade para o diagnóstico non invasivo do
cancro de próstata, así como a dimensión e transcendencia da cita para
compartir coñecemento, establecer liñas de debate e achegarse ás últimas
tendencias no ámbito da resonancia magnética clínica no noso contorno”.
Realizado conxuntamente co Colegio Iberoamericano de Radiología, “o encontro é
un foro de referencia para médicos e científicos de fala hispana”, sinalou.