Unidade de Diagnóstico por Imaxe

A Resonancia Magnética (RM, MR ou IRM) é unha exploración que permite obter imaxes anatómicas dos órganos internos do corpo humano, pero tamén estudar diversos procesos fisiolóxicos (vascularización dos tecidos, permeabilidade vascular, espazo extracelular, función cardíaca, fluxos vasculares...) ou mesmo cuantificar os metabolitos presentes nun determinado tecido (espectroscopia con RM). Esta técnica non utiliza radiacións ionizantes (raios X) potencialmente prexudiciais para a saúde. É unha técnica inocua que se basea na interacción de ondas de radio (radiofrecuencia) co corpo humano dentro dun campo magnético intenso, producíndose sinais de radio que poden transformarse en imaxes.

Sobre o servizo

A Unidade de Diagnóstico por Imaxe comezou a súa andaina en 1996 poñendo a disposición a resonancia magnética (RM) a tódolos pacientes do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo. Dende os seus inicios se distinguiu pola incorporación de técnicas punteiras en resonancia magnética, representando unha importante achega diagnóstica para un mellor e máis exacto diagnóstico e posterior tratamento dos pacientes.

ImagenDI1.png 

De entre eses procedementos avanzados destacan as exploracións de tipo funcional e a aplicación na práctica clínica diaria de biomarcadores facilmente obxectivables. No ano 2006 puxo en marcha un servizo de resonancia magnética móbil, equipos de RM instalados sobre un camión de grandes dimensións que se desprazan a tódolos hospitais comarcais de Galicia que non contan con esta tecnoloxía ou a aqueles que, aínda contando con ela, precisan un apoio puntual. As probas son diagnosticadas a distancia polo equipo de radiólogos do servizo.

ImagenDI2.jpg 

Na actualidade, o servicio dedícase á prestación de servizos de resonancia magnética móbil e a outros servizos de apoio á realización e informado de estudos de diagnóstico pola imaxe que poidan ser prestados de xeito transversal a outros centros do Servizo Galego de Saúde. Deste sistema de diagnóstico a distancia benefícianse máis de 20.000 pacientes cada ano, aos que se lles garante unha exploración da máxima calidade, realizada evitando outros tantos desprazamentos de pacientes ambulatorios e ingresados, co conseguinte aforro económico e en tempo e ganancia en comodidade. Dende a súa apertura no 2006, a unidade aforrou máis de 14 millóns de quilómetros en desprazamentos e permitiu que deixaran de emitirse 2.200 toneladas de CO2 á atmosfera.

02_resonancia-movil-web2.jpg 

Galaria dispón de 3 unidades móbiles de RM que se desprazan por estrada e se localizan nas inmediacións dos edificios dos hospitais aos que presta servizo. Dentro do edificio do hospital existe unha sala de agarda. As unidades contan con escadas exteriores e plataformas elevacamas para o acceso ao interior da unidade móbil, onde existen dúas pequenas cabinas para que o paciente poida cambiarse e deixar a súa roupa, así coma unha área de control e unha sala de exploración. Con cada unidade desprázase un TER e un DUE, que permanecen en constante contacto e coordinación co resto do persoal na sede central da unidade.

Quen somos

A unidade conta con 22 profesionais entre os que se contan 8 facultativos especialistas en radioloxía (1 xefe de servicio), 9 DUE, 9 técnicos (1 coordinador) e 3 auxiliares administrativos.

VIGO-168_1000.jpg 

Que facemos

A Unidade de Diagnóstico por Imaxe presta servizo continuado de estudos de resonancia magnética aos hospitais de Cee, Barbanza, O Salnés, Verín, Valdeorras e Monforte, mediante o desprazamento con periodicidade mensual dunha resonancia. A carteira de servizos das unidades móbiles ofrece todos os estudos básicos de RM e estudos avanzados coma RM de mama, RM de corpo enteiro, Anxio RM, EnteroRM ou RM de próstata, entre outros. Empréganse técnicas funcionais como:

  • ​Espectroscopía con resonancia magnética, con diagnóstico a nivel molecular ao permitir o estudo da composición bioquímica do tecido sen necesidade de biopsia.
  • Resonancia magnética con perfusión para estudar a vascularización dos tecidos e a súa relación coa patoloxía.
  • Difusión con RM nas distintas áreas anatómicas, para valorar a densidade celular dos tecidos e facilitar o diagnóstico de lesións tumorais e a detección precoz de lesións tumorais.

​Por exemplo, realízanse estudos da mama, unha exploración que está indicada fundamentalmente na estadificación do cancro de mama, para delimitar de forma máis precisa a tumoración e detectar focos tumorais adicionais na mesma mama ou na outra mama, conseguindo unha mellora significativa no manexo terapéutico destas pacientes. Esta exploración contribúe tamén eficazmente á mellor valoración das pacientes con próteses mamarias, pacientes con mamas densas e alto risco de cancro de mama ou á resolución de dúbidas diagnósticas con mamografía e ecografía, entre outras.ImagenDI3.png

A nosa tecnoloxía
  • ​RM Signa Voyager GE 1​,5 T con tecnoloxía AIR
  • RM Magneton Aera Excelerate Edition XA30 Siemens 1,5T
  • RM Signa Voyager GE 1,5T con tecnoloxía AIR e Recon DL​​​​​​​
Onde estamos

Enderezo:

Hospital Meixoeiro, R/ Meixoeiro s/n, 36214 Vigo.

Andar 2 (acceso dende a entrada principal).

Horario de funcionamento:

8:00 a 15:00

Teléfonos de contacto:

Secretaría: 986814924 | 986814925 | 986814926

Contacto por correo electrónico:

resonancia.movil.administracion@sergas.es

Xefa de Servizo: mercedes.arias.gonzalez@sergas.es

Supervisor: juan.bugarin.pampillon@sergas.es

Horario de funcionamento:

8:00 a 20:00

Localizacións dos equipos móbiles nos hospitais:

A Unidade de Diagnóstico por Imaxe dá servizo de xeito permanente aos seis hospitais comarcais de Galicia, e de forma puntual, noutros hospitais nos que existe infraestrutura para a súa conexión e instalación, situándose na seguinte localización:

24_06_02_rpg_galaria_urmo_00_400.gif 

​​​​​​​​​​​​​​​​

Ó servizo da túa saúde

A nosa razón de ser