A unidade iniciou a súa actividade en 1997 con 2 aceleradores, e foi renovando e ampliando os seus recursos técnicos ata a dotación actual con catro aceleradores lineais e TAC propio para a obtención de imaxes para planificación e simulación de tratamentos, todo isto conectado a través dunha rede de xestión instrumental, que garante a seguridade e fiabilidade dos tratamentos radioterápicos. Dispón ademáis de quirófano propio para técnicas de braquiterapia de alta e baixa tasa de dose. Foi unha unidade pioneira na posta en marcha de moitas técnicas en distintos eidos coma por exemplo a radiocirurxía infantil, onde tivo liderado nacional dende os seus primeiros anos de funcionamento, cando comezou a diseñar dispositivos especiais de inmovilización para facilitar a protección, o posicionamento e o axuste dos pacientes de pequena talla.


É un servizo clínico que presta atención sanitaria e técnica a pacientes oncolóxicos. Entre os seus obxectivos figura a aplicación de todos aqueles avances que permite a tecnoloxía radioterápica dispoñible para lograr o obxectivo de alcanzar a dose máxima de radiación tumoral, preservando ao máximo as estruturas sas peritumorais e a optimización da calidade en todas as súas actividades. Traballa en coordinación coa unidade de Radiofísica Hospitalaria, responsable da dosimetría individualizada do tratamento de cada paciente e da verificación instrumental. Ademais, dispón dunha psicóloga con consulta na propia unidade, así coma de dúas traballadoras sociais, integradas no proceso de atención.
Ao ter o cancro un tratamento multidisciplinar, este servizo colabora estreitamente con todos os servizos médicos e cirúrxicos do hospital implicados en diagnose e terapéutica oncolóxica, tanto intrahospitalarios como de hospitais que non dispoñen de radioterapia, con mención especial para servizos como Radiodiagnose e Medicina Nuclear, que permiten mellorar a planificación dos tratamentos mediante imaxes de fusión, RM e PET-TC principalmente.
O servizo conta cun acceso directo dende o exterior do hospital, 12 consultas de atención ambulatoria (9 médicas, 1 enfermería, 1 traballadora social, 1 psicóloga clínica), 4 búnkeres de tratamento, 8 vestiarios de pacientes para acceso ás salas de tratamento, radioquirófano e salas de agarda diferenciadas para as distintas etapas do proceso: dúas salas para as consultas, dúas para a área de tratamento con aceleradores e unha sala específica para pacientes pediátricos.