Campions Climáticos

O Sergas recibe o premio como un dos sete campións climáticos do mundo

montaje.JPG

  • O encontro 'Saúde e Clima: desafíos e oportunidades' reúne en Santiago a expertos en cambio climático e sostibilidade e pón en valor a Estratexia de Economía Circular do Sergas, que prevé reducir nun 60% as emisións en 2030 e ser neto cero no horizonte de 2040

 

  • No acto  entregáronse os Premios Climate Change da organización Health Care Without Harm, que distinguen ao Sergas como un dos sete campións climáticos en todo o mundo e o único europeo polas súas innovadoras iniciativas na loita contra o cambio climático

 

Deseñar o camiño cara unha Galicia neutra en carbono en 2040 co sistema sanitario no centro foi o obxectivo da xornada Saúde e Clima: desafíos e oportunidades, que se celebrou en xaneiro no Hotel Palacio del Carmen de Santiago co impulso da Consellería de Sanidade.

No evento participaron expertos e expertas en cambio climático, sostibilidade e saúde, que puxeron en valor a Estratexia de Economía Circular do Servizo Galego de Saúde (Sergas), coordinada pola Empresa Pública de Servizos Sanitarios Galaria, e que busca que o sector sanitario actúe como eixo vertebrador e impulsor dunha transformación baseada na sustentabilidade.

Na xornada entregáronse os Premios Climate Challenge HCWH ao Sergas, concedidos pola organización non gobernamental internacional Health Care Without Harm (HCWH) entre máis de 400 institucións representando a 26.000 hospitais en 49 países.

O Sergas foi distinguido como un dos sete “campións climáticos" recoñecidos en todo o mundo, e o único europeo, o que supón un salto cualitativo no compromiso do Sergas co Health Climate Challenge na redución da pegada de carbono na asistencia sanitaria e na promoción de políticas contra o impacto ambiental da actividade asistencial. Asemade, recibiu o Ouro en Resiliencia e Liderado de HCWH.

A xornada Saúde e Clima contou coa presenza do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, quen destacou “o liderado do proxecto baseado no concepto One Health da OMS, co sistema sanitario como eixo vertebrador, apoiándonos na Carreira cara o Cero (Race to Zero) das Nacións Unidas e a New European Bauhaus, cos profesionais sanitarios como prescriptores do cambio".

Asemade, destacou as liñas mestras da Estratexia de Economía Circular do Sergas, aprobada en xuño de 2023 pola Xunta, “que permitirán ao Sergas situarse na vangarda das políticas de aquí ao horizonte 2030, co obxectivo de reducir as emisións nun 60% en 2030, é dicir, o equivalente a plantar máis dun millón de árbores. e ser neto cero en 2040, sendo o único sistema sanitario español que forma parte de Race to Zero".

A Estratexia inclúe diferentes medidas como a eficiencia enerxética, a pegada de carbono, a redución na xeración de refugallos e o uso de combustibles fósiles, a construción de centros sanitarios con materiais sostibles como a madeira, o ecodeseño de procesos asistenciais e non asistenciais, a utilización de solucións baseadas na natureza, o fomento da investigación en I+D+i neste eido ou fomentar o consumo responsable e sostible entre pacientes, traballadores ou provedores e a formación dos profesionais, proveedores, pacientes e familiares.

Na xornada celebrouse a continuación un Ágora sobre o valor da sostibilidade en saúde, destacando o seu compromiso coas persoas e o planeta, unha sesión moderada por Beatriz Piñeiro, coordinadora da Estratexia de Economía Circular do Sergas, e na que representantes das áreas sanitarias de Galicia presentaron os seus proxectos en materia de eficiencia e na carreira hacia o cero emisións a “Race to zero" de Nacións Unidas.

No Ágora explicáronse os inicios na materia, o presente e os retos futuros, destacando entre todos os participantes proxectos tractores das áreas sanitarias como o Life Resystal CHUO, Interreg de Eficiencia enerxética CHUS, Coolfood Pledge en tódolos hospitais do SERGAS, o Low Carbon Lugo, a mellora da eficiencia enerxética ;  e na translación a Galicia da New European Bauhaus, coordinada desde a empresa pública de servizos sanitarios Galaria, con iniciativas como a construción dunha “cabana terapéutica" no Hospital Álvaro Cunqueiro, un centro que foi destacado como referente en materia de eficiencia enerxética.  

Conferencia sobre a crise climática e mesa redonda sobre desafíos

Na xornada, ademais, participou a profesora de Ciencias da Información da UCM cunha ponencia sobre comunicación da crise climática e o seu impacto, e unha mesa redonda sobre saúde e clima, cos seus desafíos e oportunidades, moderada pola directora-xerente de Galaria, Rocío Mosquera.

Nela participaron Elena Villalobos, technical officer da OMS, que destacou as actuacións para axudar a máis de 60 países a cumplir os seus compromisos de crear sistemas de saúde sostibles, resilientes o cambio climático e con baixas emisións de carbono na “Alianza para la Acción Transformadora sobre el Clima y la Salud (ATACH)" dirixida pola OMS. Pola súa parte, Pedro J. Marcos, neumólogo do Servizo Galego de Saúde, quen aportou os desafíos dos profesionais sanitarios e oportunidades para avanzar na sostibilidade desde a práctica clínica.

Tamén participou Inés Mato, subdirectora xeral de Saúde Ambiental e Seguridade Alimentaria da Consellería de Sanidade, quen explicou as actuacións e funcións do Observatorio de Saúde Pública, e os desafíos e as oportunidades para reforzar o papel da saúde pública no século XXI en Galicia; e a arquitecta e profesora da UDC  Cristina García Fontán aportou a súa visión das solucións baseadas na natureza e das estruturas verdes como xeradoras de valor. Por último, na mesa redonda participou Paula Uría, directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, explicando as sinerxias do seu departamento con Sanidade cun traballo conxunto para minimizar o impacto no cambio climático en Galicia.

A clausura da xornada foi a cargo do xerente do Sergas, José Ramón Parada, quen puxo en valor o traballo a prol da sostibilidade e a loita contra o cambio climático do sistema sanitario galego.​


Ó servizo da túa saúde

A nosa razón de ser