Para realizar unha gammagrafía é preciso inxectar unha pequena cantidade dun radiofármaco específico para o órgano ou tecido sobre o que se quere obter información. A radiación emitida por este fármaco é captada polo sistema de detección do equipo de imaxe (gammacámara ou PET).
É unha técnica segura, xa que a cantidade de radiación que se inxecta é moi pequena. A duración da proba é moi variable en función do obxectivo da mesma; en todas elas deberá permanecer un tempo agardando mentres o radiofármaco chega ao seu órgano de destino e, a continuación, un tempo variable para a toma da imaxe que, ás veces, requirirá realizar varias captacións despois de tempos de repouso ou exercicio.
Para algunha das exploracións, coma o PET, é preciso realizar unha preparación coidadosa que lle será indicada polo persoal do servizo cando sexa citado. Así mesmo, tras realizar a proba, debe observar as instrucións que lle comuniquen. Fundamentalmente, recomendaranlle que inxira moitos líquidos para eliminar o radiofármaco máis rápido e que non permaneza xunto a menores de curta idade ou mulleres embarazadas durante un tempo.
Debe comunicarlle ao personal do servizo se está embarazada ou cre estalo e consultar calquera risco específico que poida ter.