Información para profesionais da Unidade de Radiofármacos PET de Galicia


A unidade dispón dun sistema de calidade farmacéutica que da soporte ao seu certificado de NCF e ao mesmo tempo dispón dunha certificación segundo ISO 9001:2015 dende o ano 2016. Todo isto supón a constatación da súa cultura de mellora continua, enfoque á xestión e control do risco e unha política de permanente innovación, estandarización e homoxeneización, rexistro e revisión de datos e comunicación de incidencias.

No eido da formación, recibe ocasionalmente a residentes da especialidade de Radiofarmacia que están a facer unha rotación nun ciclotrón, equipo que non é habitual nas unidades docentes e que está contemplado no plan docente da especialidade. 

Os dous facultativos da Unidade son colaboradores docentes do departamento de Radioloxía e Medicina Física da USC, dado que reciben semanalmente a estudantes de prácticas das materias "Radioloxía I", "Radioloxía II" e "Práctica Clínica" do Grado en Medicina da USC, así como da materia optativa "Radiofarmacia" do Grado de Farmacia da USC.

Tamén participan como docentes cada ano no "Mestrado Universitario en Neurociencia", no que participan as universidades de A Coruña, Vigo e Santiago de Compostela, así como nos cursos de perfeccionamento para a formación de Supervisores e Operadores de Instalacións Radioactivas no campo de aplicación de Medicina Nuclear, organizado pola Facultade de Farmacia da USC.

Por último, a unidade recibe, de maneira puntual, visitas de estudantes dos ciclos formativos relacionados, residentes da especialidade de Radiofísica do CHUS, entre outras.
​​​​​​

Ó servizo da túa saúde

A nosa razón de ser