Un radiofármaco é calquera produto que, cando se prepara para o seu uso con fins terapéuticos ou diagnósticos, contén un ou máis radionúclidos (isótopos radioactivos) e ten a consideración de medicamento especial. Unha vez administrado, o radiofármaco localízase nun sitio de interese (órgano diana, sistema, proceso metabólico, etc.), mentres que a radiación emitida polo radionúclido pode ser captada por un equipo de imaxe, que permite observar a distribución do radiofármaco no organismo. Tamén poden ser utilizados como terapia, dependendo do tipo de radiación que emita o radionúclido.
No caso dos radiofármacos PET, os radionúclidos que se utilizan son emisores de positróns para uso diagnóstico, e o equipo que capta a radiación é un tomógrafo PET (Tomografía por Emisión de Positróns, ou en inglés Positron Emission Tomography).
A radiofarmacia é a especialidade sanitaria que estuda os aspectos farmacéuticos, químicos, bioquímicos, biolóxicos e físicos dos radiofármacos, aplicando estes coñecementos nos procesos de deseño, produción, elaboración, control de calidade e dispensación de radiofármacos, tanto na súa vertente asistencial (diagnóstica e terapéutica) como na investigación. É tamén a responsable da correcta utilización dos radiofármacos mediante a súa correcta selección, custodia e xestión, co fin de conseguir un uso óptimo con calidade, seguridade e eficacia, de acordo cos principios de correcta preparación do radiofármaco e coa lexislación vixente. A responsabilidade, supervisión e control dos radiofármacos en xeral, e polo tanto, dos radiofármacos PET, corresponde legalmente ao Facultativo Especialista de Área (FEA) en Radiofarmacia, sendo o profesional competente para a súa preparación ou elaboración en unidades de Radiofarmacia debidamente autorizadas.
Sobre o servizo
A Unidade de Radiofármacos PET Galicia é unha unidade de radiofarmacia que elabora e subministra radiofármacos PET para os pacientes do Servizo Galego de Saúde.
Iniciou o seu funcionamento en probas no ano 2006 e comezou a subministrar radiofármacos no 2008 para o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS). Actualmente, elabora e distribúe radiofármacos ao CHUS, ao Hospital do Meixoeiro (Vigo), ao Centro Oncolóxico de Galicia (COG, A Coruña), ao Hospital Lucus Augusti e ao Complexo Hospitalario de Ourense. A petición de radiofármacos non deixou de aumentar dende o inicio e, na actualidade, a unidade serve más de 10.000 doses de radiofármacos ao ano.
A instalación conta cunha sala branca de grado C de 46 m2, dous laboratorios de control de calidade, unha área de expedición e de almacéns controlados. Atópase sometida a inspeccións periódicas tanto por parte da AEMPS coma do Servizo de Inspección Farmacéutica da comunidade autónoma e dispón do certificado de cumprimento de Normas de Correcta Fabricación (NCFs), expedido pola Agencia Española de Medicamentos y Productos Sanitarios (AEMPS), sendo a primeira unidade de radiofarmacia PET pública en conseguilo.
frecha
Quen somos
A unidade esta formada por un equipo de oito profesionais altamente experimentados no eido da radiofarmacia PET, entre os que se contan 2 facultativos especialistas en radiofarmacia, 4 técnicas superiores de laboratorio non sanitario e 2 técnicos de mantemento.
Persoal facultativo:
- Santiago Medín Aguerre (Xefe de servizo, FEA Radiofarmacia)
- Lucía Díaz Platas (FEA Radiofarmacia)

frecha
Que facemos
Actualmente, na unidade elabóranse dous radiofármacos para a rutina clínica asistencial, ambos autorizados pola AEMPS, o que garante as súas condicións de calidade e seguridade:
- Fludesoxiglicosa (18F) ou [18F]FDG, que permite o estudo do metabolismo celular da glicosa. É o radiofármaco PET máis versátil e ten indicacións autorizadas en oncoloxía, cardioloxía, neuroloxía e enfermidades infecciosas ou inflamatorias.
- Fluorocolina (18F) ou [18F]FCOL, análogo da colina (precursor da biosíntese de fosfolípidos) que, trala administración, despois de varios procesos metabólicos, incorpórase á fosfatidilcolina, que é un compoñente da membrana celular. A [18F]FCOL ten indicacións autorizadas relacionadas co diagnóstico do cancro de próstata.
A unidade tamén conseguiu a autorización da AEMPS para a elaboración da Fluorotimidina (18F) para o seu uso como medicamento en investigación dentro dun ensaio clínico en colaboración co FIDIS.
Ademais disto, a unidade colabora con diversos grupos de investigación in vitro e de modelos animais subministrando diversos radiofármacos para investigación de produtos químicos (non aptos para uso humano).
frecha
A nosa tecnoloxía
A tecnoloxía actualmente dispoñible no servizo é a seguinte:
Produción:
- 1 ciclotrón GEHC-PETtrace
- 6 celdas quentes: Comecer MIP1-2P-75 (1), Comecer MIP1-1P NY (1), Comecer BBS-1-75 (2), Comecer BBS2 (1, doble), Tema Sinergie FLEX-AU
- 4 módulos de síntese: GE Tracerlab MX (4),GE FASTlab2
- 1cabina de fluxo laminar Telstar Bio-II A
- 2 dispensadores: GE TRACERLAB FX DISPENSER (1), Tema Sinergie CRP6
Control de calidade:
- 1 equipo de detección de endotoxinas;Charles River Endosafe Nexgen PTS (1)
- 3 cromatógrafos: KNAUERAzura HPLC (1), Thermo Fisher Scientific TRACE 1300 GC (1), Thermo Fisher Scientific TRACE 1600 GC (1), Raytest Minigita star TLC (1), Raytest Gabi staHPLC (1), Raytest MUCHA TLC (1)
- 2 activimetros: Biodex ATOMLAB 400 (1), Biodex ATOMLAB 100 (1)
frecha
Onde estamos
A Unidade de Radiofármacos PET está situada no edificio anexo D do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), en Santiago de Compostela.
Enderezo:
Unidade Radiofármacos PET Galicia
Travesía Choupana s/n, anexo edificio D do CHUS
15706 Santiago de Compostela – A Coruña
Localización en Google Maps
Horario de funcionamento:
3:00 a 15:00
Teléfonos de contacto:
Santiago Medín Aguerre: 981 956 462
Lucía Díaz Platas: 981 956 463
Contacto por correo electrónico:
santiago.medin.aguerre@sergas.es
lucia.diaz.platas@sergas.es
frecha