Dirección da empresa
O Consello de Administración nomea ao director xerente, ao que lle corresponde xestionar a organización. Cada unidade clínica, así como o Servizo de Consultoría, o Servizo de Radiofísica e Protección Radiolóxica, a Unidade de Radiofármacos PET Galicia e o Centro de fabricación de terapias avanzadas de Galicia teñen á fronte un responsable, que forma parte da estrutura directiva da empresa, e o cadro directivo intégrano, ademais, un director de recursos humanos e un director económico-administrativo.
Tanto as unidades asistenciais como as de servizos transversais dispoñen dun alto grao de autonomía de xestión. Estas áreas da organización, que actúan como “centros de actividade” contan, para levar a cabo o seu labor asistencial e de asesoría, co apoio das áreas de Recursos Humanos e Económico-Administrativa, xunto con outros departamentos de soporte, como os de Calidade, Mantemento e Obras, Informática, Contratación, Comunicación e Riscos Laborais, que, ademais de facilitarlles as xestións non directamente asistenciais, participan activamente nos procesos de planificación, elaboración de orzamentos e control dende as súas respectivas ópticas.