O Instituto Galego de Medicina Técnica (denominación inicial) foi creado pola Consellería de Sanidade coa encomenda de dúas liñas fundamentais de actividade: por unha banda, a xestión de servizos de alta tecnoloxía sanitaria, dentro da sanidade pública, destinados a darlle cobertura á poboación da Rexión Sanitaria do Sur de Galicia, e por outra, o asesoramento ás institucións sanitarias en aspectos de xestión, organización, planificación e adquisición de recursos asistenciais.
Esta organización constituíuse como sociedade pública en agosto de 1994, se ben a súa actividade clínica non se iniciou ata principios de abril de 1996, cando se realizaron as primeiras intervencións cirúrxicas na súa Unidade de Cirurxía Cardíaca.
En setembro de 2008 pasou a denominarse Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A.
Ao longo da súa historia, a empresa xestionou directamente servizos asistenciais de diversas especialidades (Cirurxía Cardíaca, Cardioloxía Intervencionista, Medicina Nuclear, Oncoloxía Radioterápica, Diagnóstico por Imaxe, Radiofísica e Protección Radiolóxica), servizos transversais de apoio para todo o sistema (Consultoría, Unidade Técnica de Protección Radiolóxica, Produción de Fármacos) e apoiou a posta en marcha e supervisión de novos servizos, coma por exemplo a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061.