A radioterapia utiliza radiación de alta enerxía para tratar o cancro, co obxectivo de danar as células tumorais e facer que os propios mecanismos de defensa do organismo sexan capaces de desfacerse delas. O tratamento de radioterapia pode ser o único aplicado, aínda que ás veces se combina con cirurxía ou quimioterapia (antes, durante ou despois destas).
Existen distintos tipos de tratamentos de radioterapia. Na radioterapia externa ou teleterapia, a fonte de irradiación procede dun equipo externo de grandes dimensións denominado acelerador lineal, que permite distintas modalidades de tratamento:- IMRT (Radioterapia de intensidade modulada). É unha modalidade avanzada de radioterapia de alta precisión que permite aplicar doses de radiación precisas adaptadas á forma tridimensional do tumor mediante a modulación da intensidade do feixe radioactivo.
- IGRT (Radioterapia guiada por imaxes). Esta técnica consiste na toma frecuente de imaxes en 3D, antes e durante a administración da radiación, para definir como é e onde se atopa o volume tumoral de cada paciente e en cada momento durante as semanas que dura as sesións, o que garante unha alta precisión e exactitude do tratamento.
- VMAT (Arcoterapia Volumétrica de Intensidade Modulada). Tecnoloxía coa que o feixe de radiación se adapta á arquitectura do tumor virando ao redor do paciente de forma ininterrompida. Trátase dunha técnica altamente precisa que permite administrar altas doses de radiación protexendo ao máximo os tecidos e órganos sans que circundan o tumor e reducindo ademais de forma notable o tempo total de tratamento.
- SBRT (Radioterapia Corporal Estereotáctica). É un tipo de tratamento con radiacións no que tamén se emprega o acelerador lineal como fonte, pero que incorpora un equipamento específico para lograr unha extraordinaria precisión e alta intensidade no feixe radioactivo, para minimizar os danos cando o tumor se localiza moi próximo a órganos sensibles.
A protonterapia é un tipo especial de radioterapia externa que utiliza un equipo xerador de protóns, para aplicar un tratamento de gran precisión e reducidos efectos adversos, indicada en casos moi concretos de tumores de difícil acceso ou moi próximos a órganos de risco.
En canto á radioterapia interna, contamos coa braquiterapia, un sistema de tratamento que consiste en levar as fontes radioactivas ata o interior do tumor ou ás súas proximidades, co fin garantir unha actuación directa sobre o volume para tratar.
Durante o seu tratamento, os profesionais avaliarán o seu caso e decidirán cal é o procedemento máis adecuado para o seu proceso.
Cando sexa recibido polo persoal da unidade faráselle entrega da súa cartilla de tratamento, onde poderá acceder mediante códigos QR a información de interese sobre o seu tratamento e sobre os coidados recomendados polo persoal da unidade. Para máis información pode tamén consultar as ligazóns de interese.