Proxectos da Unidade de Consultoría

O primeiro gran proxecto de dotación hospitalaria executado polo servizo correspondeu ao de apertura do Hospital Clínico Universitario a finais do anos 90. Participouse dende entón en tódolos grandes plans directores e aperturas de novos hospitais do Servizo Galego de Saúde, así coma no desenvolvemento de plans centralizados de equipamentos de alta tecnoloxía (TAC, RM, arcos de hemodinámica ou vascular, aceleradores lineais), equipamento básico de RX ou unidades de críticos, equipamento xeral para centros de atención primaria e proxectos de renovación de distintos servizos.

Entre os proxectos de deseño e posta en marcha de novas unidades e servizos, pódense mencionar a flota de resonancias magnéticas móbiles da comunidade autónoma, a Unidade de Producción de Radiofármacos PET ou o Centro de Fabricación de Terapias Avanzadas de Galicia.4Consultoria-proxectos.jpg

Coma curiosidade e debido a súa singularidade, destacar a colaboración coa antiga sociedade mercantil IZAR para a definición do plan de dotación, desenvolvemento de pregos para licitación e estudos de dimensionamento de consumo eléctrico, de gases médicos e de instalación do equipamento médico para a área de hospitalización no proxecto de construción do buque de proxección estratéxica da Armada Española, actual LDH-Juan Carlos I.

No eido da compra pública de innovación, dentro dos equipos de traballo dos diferentes plans e proxectos de innovación do Servizo Galego de Saúde (H2050 e Innovasaúde, Código 100, Innovamicrolab, Empattics, Precisaude), participouse no deseño de distintas licitacións de compra publica de innovación e nas distintas etapas de seguemento e execución do proxecto.5Consultoria-proxectos.jpg

De entre estas experiencias, poderíamos salientar dúas. A compra publica precomercial InnovaSUMMA foi unha das primeiras licitacións desta modalidade do estado español e foi deseñada partindo da base do proxecto SUMMA de ASEBIO (Asociación Española de Empresas de Biotecnoloxía), que trataba de realizar unha identificación temperá de necesidades non cubertas no eido sanitario para as que o mercado biotecnolóxico español tiña solucións en vías de desenvolvemento, constituíndose nun proxecto pioneiro de innovación impulsada pola demanda.

O segundo proxecto correspóndese co primeiro expediente da modalidade de asociación para a innovación licitado en España. Nela, e a partir dun preprototipo patentado polo Servizo Galego de Saúde e desenvolvido inicialmente polos seus profesionais, foi posible desenvolver e testar un dispositivo multicanal para a resección avanzada de tumores rectais mediante endoscopia flexible e cirurxía endoscópica transanal, UNI-VEC®, que obtivo o marcado CE coma dispositivo médico e se atopa dispoñible no mercado.

Entre os proxectos de planificación estratéxica, podemos destacar a coordinación e redacción da Estratexia de Humanización da Atención Sanitaria de Galicia e a Estratexia de oncoloxía de precisión de Galicia.​​​​​​​​​​​​​​

Ó servizo da túa saúde

A nosa razón de ser