
O Servizo de Medicina Nuclear é un servizo clínico que presta atención sanitaria e técnica a pacientes con patoloxía oncolóxica, cardiolóxica, endocrinolóxica, neurolóxica, nefrolóxica, urolóxica, ósea e doutras especialidades. Entre os seus obxectivos figura a aplicación de todos aqueles avances que permiten a tecnoloxía de medicina nuclear dispoñible para a realización de probas funcionais, morfolóxicas, dinámicas e morfofuncionais, baseadas en principios bioquímicos, fisiolóxicos e fisiopatolóxicos, encamiñadas a acadar a maior cantidade de información sobre o proceso do paciente ou ben para a aplicación de terapias dirixidas a unha diana biolóxica concreta. Traballa en colaboración cos servizos de cardioloxía para a realización conxunta de determinadas probas diagnósticas.
A unidade iniciou a súa actividade no hospital Santa María Nai no ano 2001 cunha gammacámara e foi renovando e ampliando os seus recursos técnicos. En concreto no ano 2004 dotouse dunha segunda gammacámara SPECT. Na actualidade conta con dúas gammacámaras SPECT/CT de última xeración e un tomógrafo PET/TC. Dispón ademais dunha sala de probas de esforzo para a realización de estudos cardiolóxicos, probas pulmonares ventilatorias e un equipo de captación tiroidea.
En canto ao seus espazos trala última remodelación realizada no ano 2023, o servizo conta con dúas áreas: unha localizada no Hospital Sta Mª Nai e outra no Hospital Cristal. O acceso á área situada no Hospital Santa María Nai realízase dende o exterior cun aparcamento para doentes con necesidades especiais. Nesta área é onde se realizan os estudos coas dúas gammacámaras SPECT/TC de última xeración. Conta con salas de agarda diferenciadas para doentes non inxectados, doentes inxectados adultos, doentes inxectados pediátricos e doentes ingresados. O acceso á área situada no Hospital Cristal, área PET, tamén se fai dende a planta sótano dende o exterior, na mesma zona de acceso a Oncoloxía Radioterápica e Farmacia. Tamén se pode acceder dende a entrada principal do Hospital Cristal. A área PET/TC está dotada de catro boxes individuais para doentes inxectados con radiofármacos PET e sala de espera para familiares. A chamada faise a través de pantallas de aviso para PET.